Alianza Social Galega: ‘Puxemos en valor o que nos une, que é moito máis do que nos separa

by karlotti

http://praza.com/economia/2398/alianza-social-galega-puxemos-en-valor-o-que-nos-une-que-e-moito-mais-do-que-nos-separa/?utm_source=dlvr.it

A Alianza Social Galega está formada por ao redor de 60 organizacións

A Alianza Social Galega está formada por ao redor de 60 organizacións

CC BY-SA Praza Pública

 

Alianza Social Galega: “Puxemos en valor o que nos une, que é moito máis do que nos separa”

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @zerovacas

 

Manifestación do 19 de xullo na Coruña

Manifestación do 19 de xullo na Coruña

© Daniel Candal

“As organizacions sindicais puxemos en valor aquilo que nos une, que é moito máis do que nos separa”. Deste xeito describiu Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO. en Galicia, o proceso de que deu lugar ao nacemento este xoves da Alianza Social Galega. Unha frase que se podía poñer na boca de calquera dos representantes das ao redor de 60 organizacións que forman parte da nova plataforma, nacida como espazo de encontro para o debate e a acción da sociedade civil galega oposta ás políticas de austeridade e aos recortes económicos e de dereitos impostos polo Partido Popular. O 31 de outubro a Alianza Social Galega, que nace con vocación de continuidade, celebrará unha nova xuntanza, que decidirá as primeiras accións concretas. 

“Non nos xuntamos por casualidade nin por electoralismo, senón para loitar contra unhas politicas que agreden os sectores sociais que representamos”

En termos semellantes falou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, que salientou que “non nos xuntamos por casualidade nin por electoralismo, senón para loitar contra unhas politicas que agreden os sectores sociais que representamos. Parécenos moi ben presentar isto en eleccións, porque o voto ten moito valor e cómpre mudar as actuais correlacións de forzas nos parlamentos”. Tamén Sánchez Aguión cre necesario “poñer en evidencia as denuncias e demandas da maioría social deste pais a tres dias das eleccións”. Seixo engadiu que “xa viñamos protestando por separado e o que queremos é protestar xuntos e así aumentar a nosa capacidade de mobilización. E é algo que calquera goberno que saia das urnas este domingo vai ter que ter en conta”.

A Alianza Social Galega agrupa entidades de todo tipo, comezando polas asociacións de pais e nais, e de feito Helena Gómez, presidenta da CONFAPA, foi a encargada de ler o manifesto fundacional.Pero foron os tres sindicatos maioritarios os grandes motores e nucleadores desta unión a partir das mobilizacións conxuntas do 19 de xullo. É por iso que non se pode obviar tampouco que unha das primeiras pedras de toque da Alianza será a folga xeral unitaria que, á espera de que os correspondentes órganos de decisión dos sindicatos o aproben, se celebrará o 14 de novembro. En concreto a CIG prevé facelo oficial o dia 26 e CC.OO. e UGT aprobarano este venres.

Neste senso, José Antonio Gómez, secretario xeral da UGT, explicou que a Alianza aínda non tratou a maneira en que vai participar na folga, pero salientou que “é lóxico” que terá unha “participación activa” na mesma. Gómez salientou que se quere “dar unha resposta transversal ás políticas do PP porque estas medidas neoliberais non afectan só aos traballadores”.

José Antonio Gómez, secretario xeral da UGT, explicou que a Alianza aínda non tratou a maneira en que vai participar na folga, pero salientou que “é lóxico” que terá unha “participación activa” na mesma

As organizacións que asinan o manifesto salientan que o proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2013 “será un novo golpe”, xa que “os principais recortes minguarán aínda máis os recursos destinados aos servizos públicos, agravando as consecuencias que provocaron os recortes de 2012 e provocando máis paro e recesión”. E auguran que a situación empeorará nos próximos meses, “como consecuencia destas políticas promovidas polo BCE, a CE e o FMI, e postas en práctica en Galicia e o Estado polos gobernos do PP” en especial pola perspectiva do rescate que con toda probabilidade o Goberno español solicitará nas vindeiras semanas.

 

“Porque a saída da crise no pode recaer sobre os máis débiles”

“Estamos firmemente decididos a defender uns dereitos e unhas condicións de vida que se conseguiron tras moitos anos de loita e sacrificios das xeracións pasadas e presentes”

“Diante de todo o exposto e da perspectiva real de que a situación empeore nos próximos meses, como consecuencia destas políticas promovidas polo BCE, a CE e o FMI, e postas en práctica en Galicia e o Estado polos gobernos do PP, as organizacións e entidades reunidas hoxe promoveremos mobilizacións para expresarmos o rexeitamento da sociedade galega ás políticas que se están aplicando. Porque a saída da crise no pode recaer sobre os máis débiles nin facerse á custa do empobrecemento da poboación. Estamos firmemente decididos a defender uns dereitos e unhas condicións de vida que se conseguiron tras moitos anos de loita e sacrificios das xeracións pasadas e presentes. Estamos firmemente decididos a loitar para que os nosos fillos e fillas poidan vivir nunha sociedade galega máis xusta, libre, democrática e sustentábel social e ambientalmente“.

Así se pecha o manifesto que este xoves se leu no Mupega na presentación da Alianza Social Galega. O texto denuncia “as políticas que se veñen aplicando, especialmente desde maio de 2010”, que atenden “só aos intereses dos mercados” e que pretenden “minguar o noso estado do benestar”. Critica especialmente a xestión do PP e enumera varias das súas decisións máis contestadas, dende suba do IRPF o repagamento dos medicamentos ou a reforma laboral “que desmantela o actual modelo de negociación colectiva, abarata e facilita o despedimento, non contribúe á creación de emprego e individualiza as relacións laborais”. Tamén se lembrou o recorte das prestacións por desemprego a amnistía fiscal, ou as medidas máis recentes que acompañan os orzamentos xerais do Estado de 2013 ou que acompañarán a petición de rescate ao BCE por parte do Goberno español.

En canto a Galicia fíxose especial énfase na “deterioración e privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais” e tamén nos recortes de salarios aos traballadores públicos. Denunciouse tamén a “destrución dunha parte fundamental do noso tecido produtivo (naval, leiteiro, conserveiro, pesqueiro, téxtil)”, así como “a entrega dos recursos endóxenos ás multinacionais sen xerar valor engadido”. Todo nun contexto de “recentralización promovida polo PP estatal”.

Advertisements