“Vexo que non hai ningún límite, que poden facer o que queiran coas persoas, sen con

by karlotti

http://www.diariodeferrol.com/index.php/periodico-impreso/ferrol/52260-b-noticia

 

“Vexo que non hai ningún límite, que poden facer o que queiran coas persoas, sen consecuencias”

 

“Vexo que non hai ningún límite, que poden facer o que queiran coas persoas, sen consecuencias”

MIÉRCOLES, 07 DE NOVIEMBRE DE 2012 00:00

 

 

 EFECTIVAMENTE, NOS SENTIMOS ORGULLOSOS DE ESTE HUMIL PERIODICO DE FERROL. DIGNIDAD Y CALIDAD EN LA INFORMACION.

 

  entrevista carmela lópez .

A veciña de Narón Silvia Casal e a súa parella, Xulio Sayáns, foron detidos a pasada semana e trasladados a Madrid pola súa suposta colaboración con Resistencia Galega. Tras dúas noites e un día de incomunicación, a xove foi posta en liberdade sen cargos, mentres que o seu compañeiro está en prisión preventiva. Onte, Silvia, co seu bebé de oito meses, accedeu a relatar a súa experiencia para este xornal.

 

Como se atopa?

Un pouco alucinada, e dándome conta de que somos unhas piltrafillas, que poden facer con nós o que lles dá a gana. Pensaba que aínda había un pouco de xustiza e xente que controlaba o que é perigoso e o que non, pero vexo que non hai ningún límite. Poden facer o que queiran coas persoas, sen consecuencias. Estou defraudada, é coma unha obra de teatro, pura ficción.

 

E Xulio?

Ben. Está tranquilo, seguro de que vai saír, e en mans dos avogados. Pediron a orde de liberdade xa o luns, pero os rollos burocráticos van despacio.

 

Como ocurreu todo?

Estabamos xa deitados na cama durmindo ó neno, e escoitamos ruídos na porta. Cando xa eran desmesurados, abrimos e xa vimos que era a Policía. Dixeron que nos ían aplicar a lei antiterrorista. Eu fun para unha habitación e o meu compañeiro para outra e non nos volvimos ver.

 

E o neno?

O neno, conmigo, ata que me mandaron tomar unha decisión que era ou que viña Servizos Sociais a buscalo ou que tiña que quedar con algún familiar. Claro, a miña preocupación é que eu son nai lactante, o neno só toma o peito, e entón dixen que tiña que estar comigo. Respondéronme que de ningunha maneira, polo que decidín darllo a un familiar, evidentemente.

 

Canto tempo estivo o neno con vosoutros?

Estivo durante todo o rexistro, pero non teño noción, porque estaba en shock. Foi moito tempo. Sei que entrou moita xente, máis de dez, todos encapuchados, menos tres persoas. Unha foi a que estivo custodiándome a min e a Martiño. Cando baixei á rúa foi cando vin o despregue.

 

Que lle dicían?

Nada. Nós non sabíamos nin de qué se nos acusaba. Entereime cando saín e chamei á familia e lles dixen: “Estou aquí en Madrid, soa, que pasa?”. A primeira noite pasámola na comisaría de Ferrol e despois para Madrid, separados, sen contacto ningún co exterior, ata o día seguinte, que a Policía me deixou en liberdade. Non sabía nin que hora era.

 

Como foi o trato policial?

Aparentemente bo, non houbo violencia nin comigo nin con Xulio. Que pasa? Que no camiño foi pregunta, pregunta, pregunta, interrogatorio puro e duro. Despois non tiven contacto con ningún xuíz. Cando saín da casa dixéronme: “Colle cartos”. Preguntei para que. “Para virte de Madrid”, respondéronme. Entón xa sabía que ía saír en liberdade.

 

Como foi ese momento?

Cando saín dixen “e como fago”, e indicáronme: “Hai unha boca do metro, vai ata Chamartín que de alí saen trens e buses”. Despois quedei, porque a miña familia díxome que Xulio ía declarar ó día seguinte.

 

Tivo que ir á Audiencia?

Eu só fun a polo carné de identidade. O xuíz preguntoume se sabía por que estaba alí. Díxenlle “agora si”, e pouco máis.

 

Foi detida por suposta colaboración con Resistencia Galega.

A min paréceme moito de película. Eu non sei que é; ás veces na prensa din que Resistencia Galega reclama a autoría dunha explosión ou algo, pero non sei nin quen son, nin se existe ou non.

 

O Ministerio dixo que lles interviron material informático. Estamos restaurando unha casa en Neda, levamos dous anos e medio coas obras, e podémolo facer grazas ó plan de rehabilitación.  Bueno, pois eu teño un ordenador portátil, no que están as facturas da casa, porque temos que entregar todo á Xunta.

 

Quedou libre de cargos.

Si, sen ningún tipo de cargo. É que, aparte, somos uns mortos de fame, que é o que me fastidia. Estamos vivindo nunha casa dos meus pais porque non nos daba para amañar a de Neda e pagar un aluguer. O meu coche leva alí parado un mes porque non teño nin para amañalo. Somos activistas culturais dende hai mogollón de anos. Sempre estivemos moi vinculados co movemento cultural e social.

 

Como está o tema de Xulio?

Todo está en mans do avogado. O sábado fomos velo.  Está en aillamento porque non quere compartir cela con ninguén. Está alucinando no cárcere e preocupado polo que nos poida estar pasando a Martiño e a min fóra, pero sereno, dicindo que isto é cuestión de tempo.

 

Vai tomar algunha medida?

Non sei como van estas cousas, todo está en mans dos avogados. Eu pensaba que tiñamos dereitos. A conclusión que saco disto é que as persoas temos que saber de leis. Estou perdidísima.

 

E a familia?

Foi un mazazo brutal. A miña irmá, cando veu buscar o neno, flipou, pensou que matara a alguén, porque non entendía tanto despregue. Nós somos unha parella normal, Xulio estudia un ciclo de madeira, coida o seu fillo, eu dou clases de teatro. En parte fago esta entrevista porque comprendo que os pais e nais que deixan os fillos ó meu cargo teñen que estar preocupadísimos. Quero explicarlles que isto é unha pura manipulación. Recuperar a confianza é difícil, pero que estén tranquilos. E tamén polos nenos e as nenas; como se lles explica isto? Logo, os meus pais… sempre se sementa a dúbida, non por eles, coñéncennos e teño todo o apoio da familia e dos amigos. Pero xa mo dicía a Policía: “Ós teus pais vanos sinalar como que teñen unha filla terrorista, acabóuseche o teatro”. As imaxes de xente resistíndose e ollas exprés con dinamita non teñen nada que ver con nós.

 
Advertisements